Páginas

sábado, 30 de octubre de 2010

Conexo gris

Gráfica: Carla Cociña
 

Levo anos querendo un conexo de angora destes, de orellas caídas. Como non vivo nun lugar adecuado para telo debúxoo.

Algún día ilustrarei un conto de conexos grises de orellas caídas, ou eso teño pensado, e utilizarei este debuxo como a protagonista. ¿Alguén se atreve a escribir o texto?




Canción de hoxe: Killers de Casiotone for the Painfully Alone

viernes, 29 de octubre de 2010

lunes, 25 de octubre de 2010

Two Humans

 
Two Humans - The Ruby Suns


Levántámonos con moitas ganas de poñer a todo volume Fight Softly de Ruby Suns, mentras encendemos o forno para facer os croissants, preparamos o Cola-Cao e exprimimos o zume de laranxa.

O sol entra pola ventá...é sábado e non hai présa. Podemos ler ainda un cachiño, ti Héroes de Ray Loriga e eu Cosas que los nietos deberían saber de Mark Everett.

Fai sol pero a temperatura é de 10º. Paseamos abrigados polo centro da cidade.
Sorrimos porque nos gusta. Botábase de menos.

Non existe moita xente tan feliz.

viernes, 8 de octubre de 2010

Maus. Art Spiegelman


Cada vez os cómics atráenme máis, e ata me sorprendo pensando nas ganas que teño de ter o seguinte exemplar nas miñas mans, e cal será o próximo que escollerei?. Son dinámicos, divertidos, apenas existen as descripcións pero no canto temos a imaxe. Non dan tanta cabida á imaxinación como os libros, pero aliméntannos de creatividade.

Maus é unha historia que todas as persoas deberían ler (se eu gobernara había de crear unha nova lei que o obligase), e incluso se debería facer dúas veces na vida. A primeira vez para coñecer a historia e a segunda para repasar, non vaia a ser que se nos pasara calquera detalle, que sen dúbida sería un desperdicio.

Maus conta a vida de supervivintes do holocausto nazi cunha metáfora. Relata unha historia real, de maltrato e de solidariedade, de odio e de amor, de amigos e de inimigos, de morte e de vida, de violencia e de paz, de gatos e ratos...todo misturado con humor, co humor de quen viviu tantas desgracias e penurias q valora infinitamente as cousas máis pequenas. As feridas deixan cicatriz, pero curten a pel.

Estaría ben que as relixións cambiaran os seus catecismos e outras trapalladas por libros coma este, que realmente serven para facer exames de conciencia e reflexións sobre ética. O problema é que igual non convén, non vaia a ser que se destapen algúns trapos sucios de apoios a masacres humanas, guerras e outras lindezas polo intercambio intereses.

viernes, 1 de octubre de 2010

Sargadelos


Ignoro se as persoas, refírome aos Galegos en xeral, coñecen o verdadeiro significado do nome “Sargadelos”. Dende logo, e segundo as perspectivas, todo parece indicar que a meirande parte non saben, ou non lles interesa saber, o que a fábrica de cerámica fixo por nós nas últimas catro décadas.
Sargadelos non é unicamente unha marca, non só é unha cerámica de calidade. Sargadelos é desenvolvemento, modernización, investigación, innovación pero sobre todo é cultura.

Todos os Galegos temos moito que agradecer, sen embargo deberíamos estar todos chorando porque estes 40 anos están a ser tirados pola borda. Xente que adicou toda a súa vida á empresa quédase na rúa por culpa dunha mala xestión.
Deberíamos sentir todos pena e vergoña, porque ás portas do 2011 estamos peor que fai medio século. O caciquismo, a avaricia e as ansias de poder cegan ao ser humano.
A loita polo primeiro posto significa venderse a calquera precio. Onde están os principios?

Para moitos dos rapaces que nacimos a partir dos 70, a fábrica significou unha porta ao resto do mundo, á cultura, ao desenvolvemento social. Gracias á industria melloraron as comunicacións, as infraestructuras, o nivel socio-económico da zona, etc. pero a mellora tivo especial relevancia noutros ámbitos, reafirmou a nosa identidade e esto afectou a toda Galicia, que se deu a coñecer ao resto do mundo coas súas Galerías en Milán, Bos Aires, etc.
O grupo fundou seminarios e museos en varias localidades como Santiago e A Coruña adicadas a labores de difusión cultural.
Edicións do Castro deu oportunidade a un numeroso grupo de novos escritores que emerxían continuamente.

Mamei Sargadelos dende o meu primeiro día.
De bebé, as papas cominas sempre nun plato fondo da vaixela infantil, que ainda hoxe conservo.
Amasei a pasta de cerámica en numerosas ocasións, xa que a escola tiña un acordo coa fábrica para darnos cursiños de forma gratuíta.
Bañeime moitos veráns na Pía do Xunco, instalacións construídas pola empresa para o disfrute dos seus empleados, familiares e amigos.
Tiven a oportunidade de asistir aos cursiños gratuítos de verán, que duraban todo Agosto e enchían o pequeno pobo de cursillistas chegados de todas as partes do mundo, estudiantes de Belas Artes, artistas, ou simplemente afeccionados.

Todo esto conseguiuse principalmente grazas á labor do seu fundador, Isaac Díaz Pardo, xunto con outras moitas persoas que pretendían difundir a cultura galega por encima de todo.
Eu, persoalmente, empapeime dela dende moi pequena, e estou profundamente agradecida.



En apoio a Sara, miña nai, e a todos os traballadores afectados.