Páginas

martes, 23 de marzo de 2010

Cando as persoas deixaron de abrazarse

O seu corazón brandiño foise enchendo de dor e facéndose máis duro. A súa pel morna cada vez estaba máis fría e pálida. Polas súas veas xa non corría o sangue coa mesma intensidade, non lle chegaba a forza dos seus latexos. Cada vez a presión oprimía máis o seu peito e a penas lle deixaba respirar con dificultade. Os músculos e articulacións atrofiaranselle porque non recibían a enerxía necesaria para poder moverse.
Houbo momentos na súa vida nos que a paisaxe era de cor verde, azul, amarela, quentaba o sol, existía a luz. Agora todo se tornara negro, gris, escuro e o osíxeno escaseaba.
O tempo pasaba e cada vez costáballe máis moverse, pensar, vivir.

A seca extendíase por toda a superficie terrestre, facía meses que non caía unha gota, a pesar da cor grisácea do ceo. A humanidade rematara cos seus valores. Cada un miraba para sí mesmo loitando por sobrevivir á desolación, pero sen decatarse de que o camiño era o equivocado. O mundo estaba cego de ira, de dor, de medo, de superficialidade.

Pero os seus ollos non. Os seus ollos estaban ben abertos ante a desidia. Soamente as súas bagoas lle facían ver borroso de vez en cando. A soberbia da humanidade causáballe unha inmensa tristeza. A soidade chegaba e esmagáballe o corpo.
Pouco a pouco foi deixando de moverse, de respirar. A súa expresión triste quedou inmobilizada para sempre. A pel volveuse gris, fría e ríxida.
Petrificouse un día ao pasar polo mesmo lugar onde se sentira feliz fai tempo e permaneceu alí dende entón. De vez en cando esvarábanlle bágoas polas meixelas de granito. Foi nese momento cando as persoas empezaron a beber dos seus sentimentos, eses que antes non serviran para saciar a sede daquela xente. Era o único xeito de salvarse.
As súas bágoas seguen sendo a única esperanza para a seca de sentimentos na que o mundo se destrúe cada día.

2 comentarios: